top of page

MARTES 8 DE OUTUBRO

1º BAC B e C. ARTE E HISTORIA DOS SÉCULOS XX E XXI.


O alumnado de 1º de Bacharelato das materias de Historia do Mundo Contemporáneo e Debuxo Técnico I do IES do Milladoiro desfrutou este martes dunha saída á capital galega. Durante a xornada tiveron ocasión de coñecer a singular sala de cine da cooperativa galega NUMAX, onde, a través da súa interesante proposta NUMAX na Escola, os nosos estudantes puideron gozar, nun espazo reservado en exclusiva para eles, da proxección en versión orixinal subtitulada (o que facilita a aprendizaxe de terceiros idiomas -neste caso concreto, o inglés-, ó tempo que descobren e aprecian enriquecedores matices que escapan á dobraxe tradicional) do filme Sufraxistas (Sarah Gavron, 2015). A película permitiulles achegarse, de xeito ameno, non só ó sufraxismo, senón tamén á especialmente dura realidade do traballo industrial feminino de comezos do século XX en Inglaterra, berce da Revolución Industrial.





A seguinte parada do noso percorrido tivo lugar diante dunha emblemática arquitectura barroca, a Casa do Cabido. Na fermosa e non menos famosa praza das Praterías, esta obra do arquitecto do século XVIII Clemente Fernández Sarela, reconvertida hoxe en espazo expositivo do Consorcio de Santiago, acolle na actualidade a exposición KSADO. Iconas de Galicia. A mostra permite, ademais de cruzar esta magnífica fachada pano -tan tipicamente barroca- e adentrarnos nos outrora reducidos espazos domésticos deste representativo inmoble, aproximarnos á figura dun dos fotógrafos históricos galegos máis importantes: Luis Casado (KSADO). Grazas ás visitas guiadas levadas a cabo por un dos comisarios da mostra, o alumnado puido decatarse da relevancia desas valiosas “copias de época” que enchen as salas. Positivos en papel ou vidro, antigas cámaras de fotos, libros, postais, selos, cromos, folletos turísticos, unha orla da facultade de Farmacia dos anos 30 ou un cartel conmemorativo do ano santo de 1954, son só algúns dos obxectos orixinais desta colección de case 300 pezas que ofrece unha completa visión da rica e variada produción deste mestre, un grande, un auténtico artista da fotografía, o gran creador de iconas galegas.



Xa pola tarde, e no Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC), o alumnado tivo a oportunidade de participar na sesión didáctica A arte como plataforma para a igualdade: mulleres artistas, cunha ilustrativa charla sobre a escasa presenza feminina na Historia da Arte, os principais motivos desta invisibilidade e as múltiples posibilidades da produción artística como ferramenta feminista. A sesión completouse con diversos obradoiros creativos nos que o noso alumnado puido poñer a proba as súas habilidades.


A opinión do noso alumnado sobre a súa experiencia

  • “Un bo exemplo de educación con diversión, un 10+/10”

  • “Unha película interesante e que reflicte moi ben o que tiveron que pasar as mulleres para ter dereito a voto.”

  • “Gustoume polas obras e fotografías que había dentro da Casa do Cabido, e pola explicación en cada parte.”

  • “Casa do Cabido – KSADO. Iconas de Galicia: foi rápida e gustoume por iso, e porque había cousas para ver mentres o profe explicaba.”

  • “As fotografías eran moi boas.”

  • “No CGAC a charla foi entretida e a actividade moi divertida.”

  • “A actividade da película gustoume moito; reflectía como eran tratadas antes as mulleres, tanto na casa como no traballo, e tamén como elas mesmas loitaban pola igualdade.”

  • “Esta película para min foi unha boa elección, xa que é algo [o movemento sufraxista] que ás veces non se valora o suficiente.”

  • “Na exposición de Ksado puidemos atopar distintas fotografías que son iconas galegas. Esta exposición gustoume moito, xa que fala de como aquí, na nosa terra, comezou unha persoa a marcar a historia da fotografía.”

  • “Gustoume moito a visita ó CGAC, xa que aprendemos sobre a arte contemporánea, e o mellor foi a actividade grupal.”

  • “Gustoume a actividade, xa que foi interesante e aprendín cousas novas. Gustoume a película, xa que era nun sitio orixinal e a película foi interesante; tamén me gustou que fose a versión orixinal subtitulada. Foi o que máis me gustou da excursión.”



Porque no Milladoiro:


Somos Diferentes... Somos Referentes!!!.


Actividade do departamento de Xeografía e Historia e de Artes Plásticas.

Comments


POSTS RECIENTES:
BÚSQUEDA POR TAGS:
bottom of page