top of page

MARTES 18 DE MARZO

  • leonomilladoiro
  • 17 mar
  • 3 Min. de lectura

O alumnado de 1º de Bacharelato para as materias de Historia do Mundo Contemporáneo e Debuxo Técnico I do IES do Milladoiro desfrutou este martes da terceira saída con destino, nesta ocasión, á cidade da Coruña. Durante a xornada tiveron ocasión de coñecer a obra máis emblemática dun dos grandes renovadores da plástica galega do século XX: Luis Seoane.Grazas á interesantísima e altamente didáctica visita guiada ás salas da Fundación Luis Seoane, os nosos estudantes puideron achegarse ós representativos fondos custodiados pola institución que divulga o titánico labor dun dos artistas multidisciplinares que, a través da súa inxente produción gráfica, murais, pinturas, carteis publicitarios, ilustracións editoriais ou deseños para Sargadelos (proxecto do que foi cofundador xunto con Isaac Díaz Pardo, outro dos grandes da arte galega), máis fixo pola arte e a cultura galegas dende o seu exilio político en Bos Aires.


A seguinte parada do noso percorrido tivo lugar diante das instalacións que, no porto da Coruña, ten a Fundación Marta Ortega Pérez. O motivo, visitar a 4ª das exposicións de fotografía de moda presentadas por esta. IRVING PENN: CENTENNIAL, organizada por The Metropolitan Museum of Art de Nova York (MOMA) e presentada en exclusiva en España neste singular espazo da cidade herculina. O alumnado descubriu deste xeito a un dos fotógrafos internacionais máis importantes do século XX, así como as grandes figuras que posaron diante do seu obxectivo (Picasso, Marlene Dietrich, Truman Capote, Audrey Hepburn, Alfred Hitchcock…). Ademais da visita guiada á espectacular montaxe expositiva, os nosos estudantes convertéronse por uns minutos en fotógrafos, estilistas e modelos profesionais no obradoiro que completaba a actividade, dando as súas fotografías agora, como non podía ser doutro xeito, testemuño de creatividade e traballo en equipo.


A opinión do noso alumnado sobre a súa experiencia:

- “A visita guiada [na Fundación Luis Seoane] foi excelente, non só me permitiu contemplar as belas obras de Seoane, senón que tamén ampliou o meu horizonte artístico; despois de ver as obras de Seoane, e entender a crítica social ou política detrás delas, sinto que comprendo a función crítica da pintura, e da arte en xeral.”- “Sen dúbida, esta visita [á Fundación Luis Seoane] axudarame moito no momento de facer comentarios artísticos, e é por iso que recomendo repetila o vindeiro ano, cos próximos estudantes de 1º de Bacharelato.”- “Impresionoume a maneira que tiña Irving Penn de resaltar os rasgos dos modelos que fotografaba, xogando coa posición, a luz… Tamén me chamaron a atención as fotografías nas que os modelos posaban nunha esquina, xa que nunca vira modelar nun espazo tan pequeño e aínda así quedase claro a que se dedicaba cada un.”- “A min persoalmente gustoume moito [a visita á Fundación Luis Seoane], xa que non é habitual ver a grandes artistas pintar xente de baixa clase social, polo que poder ver iso é moi emocionante. Ademais, a explicación foi rápida e concisa, polo que era máis fácil manter a atención.”- “Eu tiña moita gana de ir a esta exposición [Irving Penn: Centennial], xa que a estaba vendo en todos os lados (Instagram, TikTok…). Ó chegar alí fixemos un taller a partir dunha pequena explicación, o cal foi moi divertido. Ademais, a exposición estivo xenial, e ter a oportunidade de ver o fondo que usaba Irving Penn nas fotos (o orixinal) foi incrible.”

 

Porque no Milladoiro:

 

 

 Somos Diferentes, Somos Referentes!!!

 
 
 

Comments


POSTS RECIENTES:
BÚSQUEDA POR TAGS:
  • b-facebook
  • Twitter Round
  • Instagram Black Round
bottom of page