4º ESO EXPRESIÓN PLÁSTICA.
A forma da cidade: Cartografías a través dos sentidos
O pasado 22 de outubro, o alumnado de 4º de ESO da materia de Expresión Plástica realizou unha saída didáctica organizada polos departamentos de Artes Plásticas e de Xeografía e Historia. A actividade estivo acompañada polo profesor Rubén Martínez Alonso, de Xeografía e Historia, e pola profesora Ana Vidal Ruiz de Velasco, de Expresión Plástica. Contamos tamén coa colaboración do arquitecto Adolfo Agra Gutiérrez, os cales guiaron o grupo nun percorrido pola cidade.
Adolfo introduciu o alumnado no concepto de deriva, unha práctica asociada ao movemento Dadá, na que os artistas percorrían a cidade sen un fin concreto, deixando que os espazos influísen nas súas impresións. O obxectivo da actividade foi que os estudantes prestasen atención ás sensacións que lles provocaron os diferentes espazos urbanos e reflexionasen sobre como os perciben: se son abertos ou pechados, cómodos ou incómodos, cálidos ou fríos.
A través dos elementos básicos da linguaxe visual –punto, liña, plano- e a cor, o alumnado representou estas sensacións elaborando obras gráficas bidimensionais, nas que reflectiron a súa percepción emocional dos lugares que foron visitando. O tamaño e formato do papel tamén xogou un papel importante á hora de expresar esas sensacións
de xeito visual.
Nas próximas semanas, realizarase unha actividade na aula, onde as creacións en 2D se transformarán en obras tridimensionais (3D), incorporando texturas, temperatura e outras calidades materiais para ampliar a representación das súas experiencias na cidade.
O día era solleiro pero frío, así que de camiño á Praza da Quintana, paramos a tomar un chocolate quente no Muelle. Esta saída ofreceu unha oportunidade única para explorar a cidade desde unha perspectiva sensorial e artística, combinando a aprendizaxe teórica co descubrimento emocional do espazo urbano.
Porque no Milladoiro:
Somos Diferentes... Somos Referentes!!!.
Actividade do departamento de Artes Plásticas.
Comments