top of page

MARTES 17 DE DECEMBRO

O alumnado de 1º de Bacharelato para as materias de Historia do Mundo Contemporáneo e Debuxo Técnico I do IES do Milladoiro desfrutou este martes da segunda saída á capital galega. Durante a xornada tiveron ocasión de coñecer a obra máis emblemática dunha das grandes sagas de fotógrafos históricos composteláns: os Chicharro. A través da exposición Compostela A Lupa. Manuel Chicharro Bisi, entre dous aniversarios: 1849-1924, instalada na Casa do Cabido e organizada polo Consorcio de Santiago en colaboración co Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento, os visitantes poden descubrir os principais cambios experimentados pola nosa capital: a xénese e o desenvolvemento da zona nova, a arquitectura desaparecida e a transformada, a evolución nos usos e costumes dunha Galicia que xa non é pero da que somos herdeiros etc. Organizada en catro espazos ben diferenciados (Actos e Autoridades, Santiago intramuros, Santiago extramuros, Máis aló de Santiago) os nosos estudantes, grazas á dixitalización en alta calidade dunha selección de máis de duascentas placas de vidro dun total que supera as 1.500 e que custodia o IEGPS-CSIC, puideron observar detalles nunca vistos ata agora.


A seguinte parada do noso percorrido tivo lugar diante doutra histórica arquitectura, a Casa Grande do Pozo, hoxe Sede Afundación. No marco da mostra Simultánea. Arquitecturas narradas na Colección de arte Afundación, o noso alumnado desfrutou dunha interesante visita guiada polos magníficos fondos dunha das coleccións de arte galega máis importantes, con pinturas, esculturas, fotografías, gravados etc. A actividade completouse cun obradoiro, onde os alumnos tiveron que botar man da súa creatividade artística -e dos variados materiais que se lles ofreceron- para trasladar ó papel a propia visión do espazo urbano e arquitectónico que habitan. Algunhas das súas propostas resultaron moi orixinais, con obras que abandonan a figuración tradicional para interpelar directamente as nosas emocións, para, a través dun espazo concreto, particular, coñecido, o seu, alcanzar unha dimensión máis universal.


Xa pola tarde, e no Museo do Pobo Galego, o alumnado tivo a oportunidade de participar nun Quebracabezas temático. Un xogo que constaba de oito pistas cuxa solución eran imaxes e obxectos distribuídos por diferentes salas do Museo. A lectura de cada pista levaríaos ata o obxecto/imaxe que habían de atopar e, unha vez encontrado, tiñan que fotografalo, servindo estas fotografías de axuda na última fase do xogo na que, despois de localizar as oito pistas, debían poñelas en común para adiviñar o tema que compartían.




A opinión do noso alumnado sobre a súa experiencia

  • “Foi unha actividade [Quebracabezas temático] moi interesante e divertida, xa que estabamos cos nosos amigos falando e, á mesma vez, aprendendo cousas novas. Creo que foi a mellor actividade das tres.”

  • “A primeira actividade na Casa do Cabido resultoume bastante interesante, ver como eran lugares de Santiago hai tempo.”

  • “A segunda actividade tamén me gustou moito, xa que foi moi dinámica; gustoume máis a parte do obradoiro, pero a charla do principio tamén me pareceu moi interesante.”

  • “A min gustoume esta actividade [Casa do Cabido] porque me parece importante coñecer a historia e máis cando son fotografías, porque é máis ameno e visual. Ademais, cando Rubén nos falou do proceso, quedei abraiado por todo o traballo que conleva.”

  • “Gustoume [Afundación] ver obras de arte e que nolas explicasen unha por unha, gustoume, xa que en cada obra hai un tipo de beleza.”

  • “Encantoume esta actividade [Quebracabezas temático], poder viaxar pola historia cun xogo e descubrir máis cousas de Galicia que non coñecía, pareceume incrible. Ademais, o lugar era moi bonito, e as escaleiras de caracol gustáronme moito.”


Porque no Milladoiro:


Somos Diferentes... Somos Referentes!!!.


Actividades do Departamento de Xeografía e Historia e Artes Plásticas.

Comments


POSTS RECIENTES:
BÚSQUEDA POR TAGS:
  • b-facebook
  • Twitter Round
  • Instagram Black Round
bottom of page