
No marco dun proxecto educativo baseado na inclusión, na aprendizaxe compartida e na posta en valor da diversidade, o IES do Milladoiro e o CEE Manuel López Navalón estableceron unha irmandade que permite ao alumnado de ambos centros enriquecerse mutuamente a través da experiencia.
A colaboración entre os dous centros materializouse en diversas actividades dinamizadas desde o CEE Manuel López Navalón, nas que o seu alumnado puido compartir os coñecementos adquiridos nos seus programas formativos de Formación Profesional Básica. Estes programas inclúen especialidades relacionadas coas Producións agrícolas, Lavandaría, Servizos de restauración, Peiteado, Carpintaría, Costura e Cerámica.
Durante as visitas, o alumnado do IES do Milladoiro tivo a oportunidade de coñecer de primeira man as tarefas que realizan as/os compañeiras/os do Navalón, observando a súa metodoloxía de traballo e mesmo participando nalgunhas actividades prácticas. Esta experiencia non só favoreceu a aprendizaxe real e contextualizada senón que tamén axudou a romper estereotipos e prexuízos, fomentando unha convivencia máis igualitaria e respectuosa.
A próxima xornada deste intercambio terá lugar o vindeiro luns 17 de febreiro, onde novamente o alumnado de 1º e 3º da ESO do IES do Milladoiro visitará de novo o CEE López Navalón. Nesta ocasión e como mostra de agradecemento, o alumnado do Milladoiro contribuirá ao encontro cun concerto musical, promovendo un ambiente de alegría e conexión a través da música. Ademais, levarán a cabo unha entrevista na radio escolar, na que o alumnado do Navalón terá a oportunidade de compartir as súas vivencias e experiencias persoais nesta irmandade, permitindo así unha maior sensibilización sobre a súa realidade e o seu proceso de aprendizaxe.
Por outra banda, esta colaboración terá continuidade no mes de maio, coincidindo coa Semana da Interculturalidade que se celebrará no IES do Milladoiro. Nesa ocasión, será o alumnado do CEE López Navalón quen visite o instituto para seguir promovendo a inclusión e dando visibilidade á riqueza da diversidade dentro da nosa comunidade educativa. Esta nova xornada permitirá afondar no coñecemento mutuo, reforzar os lazos entre os centros e xerar novos espazos de aprendizaxe compartida.
A través deste proxecto, ambos centros educativos están a promover un modelo de educación máis inclusivo, baseado na empatía, na colaboración e no respecto polas diferenzas. Dar visibilidade á diversidade cultural e persoal non só enriquece ao alumnado, senón que tamén fortalece toda a comunidade educativa, fomentando unha sociedade máis igualitaria e comprometida coa inclusión. A aprendizaxe que se extrae destas experiencias transcende o ámbito académico, pois permite desenvolver valores esenciais como a solidariedade, a tolerancia e a cooperación entre iguais.
En definitiva, iniciativas coma esta amosan que a educación inclusiva non só é posible, senón tamén necesaria para seguir construíndo un futuro mellor para todas e todos, porque no IES do Milladoiro “Somos diferentes... Somos referentes!!!”.
Comentários